07 feb 2022

Nava Castro valora a cooperación transfronteiriza con Portugal como piar de desenvolvemento turístico

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na apertura oficial da nova oficina de información e turismo de Tui

 
A nova infraestrutura adscríbese ao programa POCTEP “Río Miño, destino navegable”, no que Turismo de Galicia colabora para o desenvolvemento turístico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
 
Nava Castro, na reunión sobre o río Miño.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na inauguración da nova oficina de turismo de Tui, unha iniciativa que se enmarca no Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) Río Miño, Destino Navegable, que está a supor un investimento de algo máis de 1 millón de euros no territorio.

Neste sentido, Castro puxo en valor a cooperación transfronteiriza así como a colaboración público-privada co sector, como fórmula de éxito para o desenvolvemento turístico do territorio, “a través dun río como o Miño que estende pontes entre Galicia e o norte de Portugal e crea unha rexión propia unida por unha cultura, un xeito de vivir e unha comunidade que medra interrelacionándose”.

A través do programa puxéronse en marcha diferentes iniciativas para mellorar a navegabilidade do río Miño así como a conectividade da Eurorrexión e a interrelación entre a veciñanza, buscando por en valor os moitos atractivos cos que conta a Eurorrexión co Miño como fío conductor. A través de diferentes accións que implicaron a entidades lusas e galegas, estase a mellorar as infraestruturas fluviais para acoller novos fluxos turísticos ao tempo que se poñen en marcha actividades de promoción e creación da ruta fluvial do río Miño que permita valorizar o patrimonio cultural e turístico co que conta a Eurorrexión.

 

 

Arriba