Rueda anuncia unha nova liña de axudas para a mellora da competitividade e da calidade dos establecementos hostaleiros dotada con arredor de 3 M€
Esta liña de axudas foi posta en marcha o ano pasado no marco do conxunto de medidas impulsadas pola Xunta para apoiar ao tecido empresarial galego fronte ás circunstancias derivadas da pandemia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu a coñecer o acordo do Consello da Xunta para a posta en marcha dunha nova liña de axudas para a mellora da competitividade e da calidade dos establecementos hostaleiros dotada con arredor de 3 millóns de euros.
A nova convocatoria, que se publicará o 1 de xullo no Diario Oficial de Galicia, conta cun orzamento de 3 millóns de euros, financiados ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. O importe máximo de subvención será do 90 % do investimento solicitado, cun máximo de 50.000 euros por beneficiario.
As axudas están destinadas a subvencionar actuacións que incrementan a seguridade nos locais e que son un elemento que diferencia e dá valor aos establecementos hostaleiros. “Son cambios que chegaron para quedarse”, indicou o presidente da Xunta. Están destinadas a subvencionar actuacións como sistemas domóticos, control de distancias, optimización de procesos, portas e consignas automáticas, controis de acceso, renovación de aire, sistemas de climatización e softwares de control asociados, así como sistemas de check-in automáticos.
Tamén serán subvencionables a carteleira, rotulación, sinalización e actuacións vinculadas coa mesma, equipamentos como medidores de CO2, ionizadores, dispensadores; así como reformas orientadas á creación de espazos que suxiran maior amplitude, e novos equipamento de hixienizado e lavado, entre outros. Con esta medida, a Xunta quere seguir contribuíndo á modernización e mellora da competitividade dos establecementos hostaleiros mediante a adquisición de novo equipamento.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas do sector da hostalaría que teñan o seu domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.
Para os efectos destas axudas considéranse dentro do sector da hostalaría os hoteis, hostais, casas rurais, albergues turísticos e outros tipos de aloxamentos, ademais de restaurantes, bares e outros establecementos de restauración, recollidos nos capítulos IV e V da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
Nesta nova orde de axudas quedan excluídas as empresas que xa foron beneficiarias desta subvención na convocatoria anterior e as vivendas de uso turístico reguladas no Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, polo que se establece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia. “O obxectivo é chegar ao maior número posible de empresas”, indicou o presidente da Xunta.
Antecedentes
Esta liña de axudas foi posta en marcha o ano pasado no marco do conxunto de medidas impulsadas pola Xunta de Galicia para apoiar o tecido empresarial galego fronte ás circunstancias derivadas da pandemia.
As solicitudes concedidas na convocatoria anterior foron 464 por un importe de preto de 6 millóns de euros.