A Xunta destaca a importancia da oferta complementaria na consolidación da actividade turística
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación do certame hípico Equiocio que se desenvolverá en Ferrol entre os días 4 e 7 de agosto
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou na presentación do certame hípico Equiocio, a importancia que ten a oferta complementaria na consolidación da actividade turística, como un dos engados máis importantes para a captación de viaxeiros.
Neste caso, Nava Castro referiuse ás actividades deportivas de Equiocio que inclúen, ademais da hípica, o sendeirismo e o ciclismo e que consolidan este certame como referente nacional. Así, lembrou tamén que este ano participarán 300 cabalos e 280 xinetes en todas as categorías.
Por outra parte, a titular da Axencia Turismo de Galicia fixo fincapé no compromiso social desta proba, “que favorece un evento integrador e inclusivo”, e coa integración do territorio, xa que con iniciativas coma esta contribúese tamén á visibilidade do Camiño Inglés, “unha ruta xacobea das que máis está a medrar nos últimos anos, cun incremento do 25% no número de peregrinos”.
Nava Castro lembrou tamén a achega de 40.000 euros por parte do departamento que dirixe para o desenvolvemento deste histórico certame, e o compromiso da Xunta para consolidar unha oferta turística de calidade“ que sexa a marca de diferenciación da Comunidade galega como destino turístico”.
Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia apelou á sostibilidade do destino Galicia, que conta cun parque nacional e 6 parques naturais, 7 reservas da biosfera, entre outras figuras de protección da natureza, e mencionou de xeito especial o Plan de Sostibilidade Turística que porá en valor as Fragas do Eume, “dentro do noso obxectivo dunha Galicia turisticamente sostible, despois de conseguir que fose coñecida pola calidade e a seguridade”.
Neste sentido, referiuse tamén a Equiocio como un elemento que contribúe a este obxectivo, en tanto tamén favorece o contacto coa natureza e a sostibilidade, “un dos eixos nos que temos que asentamos o noso modelo turístico”, centrado no respecto polo medio ambiente e a súa conservación, “de aí, a importancia das accións de concienciación ambiental, fomento da reciclaxe e reutilización que levades a cabo”, manifestou a directora de Turismo de Galicia.