Nava Castro salienta a calidade da enogastronomía galega durante a 23ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico de Ourense
A directora de Turismo de Galicia e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiron á 23ª edición de Xantar
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no acto central do Día Dedicado ao Turismo, no marco da 23ª edición do Salón Internacional de turismo gastronómico, Xantar 2022, que ten lugar en Ourense.
Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, destacou a oportunidade que supón para o noso territorio a celebración de eventos internacionais como este para seguir situando a Galicia como destino enogastronómico de primeiro nivel, onde a calidade da gastronomía e o turismo sostible e saudable fusiónanse coa tradición e a innovación.
Xantar é a única feira internacional de Turismo Gastronómico recollida no calendario oficial de “Feiras Comerciais Internacionais” e este ano celebrou a súa 23ª edición entre o 9 e o 13 de novembro de 2022 en Ourense. Ofreceu cinco días de intensa actividade repletos de experiencias para descubrir e gozar, incluído o Encontro Internacional sobre Gastronomía Sostible e Saudable. Son actividades orientadas tanto a profesionais como a afeccionados e teñen o obxectivo de apostar por unha alimentación equilibrada a partir de produtos de calidade.
Este evento leva 23 anos poñendo en valor os produtos agroalimentarios de calidade, a elaboración e o servizo profesional, o que fixo que se convertera nun referente para os destinos enogastrónomicos máis punteiros, tanto de España como de Portugal.
O salón ofreceu unha vinculación de carácter experiencial entre o expositor e o visitante a través de diversas accións, que fusionan a tradición e innovación propia dos territorios presentes en Xantar en forma de exhibicións, catas temáticas, cociña en directo e moitas máis iniciativas que suceden durante cinco días de intensa actividade.