O Consello da Xunta autoriza presentar o Plan Territorial de Sustentabilidade turística de enogastronomía de Galicia na vindeira Conferencia sectorial de Turismo
O Plan territorial de sustentabilidade turística de enogastronomía de Galicia terá lugar no horizonte 2023-2025 co obxectivo de promocionar Galicia como destino
O Consello da Xunta aprobou o proxecto de acordo polo que se autoriza formular e presentar o Plan territorial de sustentabilidade turística Enogastronomía de Galicia na Conferencia Sectorial de Turismo. O obxectivo desta iniciativa é a promoción de Galicia como destino enogastronómico de primeiro nivel, pondo en marcha actuacións transformadoras en diferentes áreas de Galicia.
Este plan, dotado dun orzamento de 31,9M de euros, está estruturado arredor de accións de cohesión en destino e plans de sustentabilidade turística impulsados polas entidades locais. Trátase do segundo dos plans territoriais impulsado pola Xunta de Galicia ao abeiro dos fondos NextGeneration da EU. Tras oo impulso do Plan do litoral de Galicia, o segundo dos eixes temáticos arredor dos cales a Administración autonómica constrúe o seu plan é a enogastronomía, como elemento diferenciador da oferta turística galega e poderoso motor dinamizador do tecido socioeconómico do territorio.
A posta en valor dos territorios vitivinícolas, a mellora da comercialización e da promoción de novos produtos turísticos vinculados á enogastronomía galega, a promoción da xestión sustentable desde os destinos e a potenciación do territorio enogastronómico galego como un espazo de desenvolvemento turístico competitivo son os obxectivos arredor dos cales se vertebra este plan, cun forte contido na dixitalización e na innovación gastronómica.
Este plan prevé, ademais, intervencións referidas ao embelecemento e adecuación dos establecementos de produción enolóxica e alimentaria e dos seus contornos para mellorar a imaxe tanto física como dixital dos destinos, potenciando a chegada do AVE a Galicia, así como a mobilidade sustentable, que ten por obxectivo reducir o impacto ambiental dos desprazamentos dos visitantes polo territorio e mellorar a accesibilidade aos lugares de interese, dinamizando así a actividade turística.
As intervencións que forman parte do Plan territorial de Galicia está composto por 3 actuacións de cohesión en destino (ACD), cun investimento de 14,9 millóns de euros, e 11 plans de sustentabilidade turística en destino (PSTD), impulsados por entidades locais, que recibirán un total de 17 millóns de euros.
Actuacións de cohesión en destino
Inclúense actuacións nos aloxamentos con encanto en destinos enogastronómicos de Galicia para a adecuación de instalacións para a realización de experiencias enogastronómicas; a creación de Galicia Gastro Experience como centro de referencia para a mellora da enogastronomía galega como experiencia turística, e a posta en marcha dunha rede de mobilidade nas cinco rutas do viño de Galicia en vehículo eléctrico. Estas tres actuación suman un investimento de 14,9 millóns de euros.
Plans de sustentabilidade en destino
No marco destes plans, Galicia presenta 11 que suman un orzamento de 17 millóns de euros, nos cales se encontran:
1. PSTD Os Fogóns do Anllóns (Carballo, Coristanco, A Laracha, Ponteceso,
Cabana de Bergantiños) 1.500.000€.
2. PSTD Et edendo, Lucus: un percorrido histórico pola enogastronomía
(Concello de Lugo) 2.000.000€
3. PSTD Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria (O Barco, A Rúa, A Veiga, O Bolo,
Petín, Vilamartín, Rubiá, Larouco, Carballeda) 1.500.000€
4. PSTD Barbanza-Arousa. Viaxe a través da historia dos sabores (Ribeira, A
Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo) 1.500.000€
5. PSTD O Ribeiro – O Carballiño (A Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia,
Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Ribadavia, Beariz, Boborás,
O Carballiño, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea,
Padrenda, Pontedeva) 1.500.000€
6. PSTD O Condado – A Paradanta Destino Enogastronómico (A Cañiza, Arbo, As
Neves, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas, Salceda
de Caselas e Salvaterra de Miño) 1.500.000€
7. PSTD de Vigo (Concello de Vigo) 2.000.000€
8. PSTD do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño “Despensa de Galicia” (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño, Tui)
1.500.000€
9. PSTD O Carballiño e a gastronomía do Polbo (Concello do Carballiño)
1.000.000€
10. PSTD da Guarda (Concello da Guarda) 1.000.000€
11. PSTD O Grove. A Gastromeca. Construción dun novo modelo baseado na
emoción e a autenticidade a través da súa cultura gastronómica (Concello do
Grove) 2.000.000 €