Arranca en Ourense a segunda edición do Xacobeo Peregrinas con Lydia del Olmo e Cristina Pato
Xacobeo Peregrinas é un ciclo de conversas nas sete cidades galegas levado a cabo polo Goberno galego coa colaboración da Fundación La Caixa
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron no primeiro encontro da II edición do ciclo Xacobeo Peregrinas, un ciclo de conversas protagonizadas por mulleres referentes na súa traxectoria profesional e no que hoxe participaron Lydia del Olmo e Cristina Pato e como moderadora a xornalista Marta Gómez
Nava Castro indicou que a través deste ciclo, dende o Goberno galego se lle dá voz e visibilidade ao papel tan importante que ten a muller. “Porque con todo, a pesar desta realidade, a pesar da gran achega das mulleres a todos os sectores, segue habendo invisibilidade feminina”, indicou a directora.
Mediante esta iniciativa, preténdese afrontar os dilemas e desafíos da sociedade contemporánea desde a perspectiva da diversidade e o diálogo a través dunha programación multidisciplinar capaz de unir a ciencia, a innovación, as artes, a música, o deseño, a arquitectura, o deporte, a gastronomía ou a filosofía gracias ás participantes convidadas.
O encontro tivo lugar no Paraninfo do IES Otero Pedraio, en Ourense, considerado unha situación estratéxica como punto de encontro e parada obrigada na Vía da Prata – Camiño Mozárabe a Santiago de Compostela, xa que ofrece aos camiñantes un descanso gozoso grazas ás augas termais e a beleza da paisaxe.