29 xan 2024
Galicia asume a coordinación da España Verde co propósito de abrir novas vías de traballo conxunto da man do ecoturismo
A Comunidade galega asume desde hoxe oficialmente a coordinación da marca turística da España Verde co propósito de avanzar da man do ecoturismo e sostibilidade nos distintos territorios que conforman a marca que son, ademais de Galicia, tamén Asturias, Cantabria e o País Vasco.
No transcurso da Feira Internacional de Turismo, Fitur, que está a ter lugar en Madrid esta semana, celebrouse o acto no que se oficializou o traspaso de poderes entre o País Vasco e a Comunidade galega, que asume este 2024 a coordinación anual desta marca turística. No acto participaron o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas e o consejero de Turismo, Comercio e Consumo do Goberno Vasco, Javier Hurtado, como coordinador saínte. Estiveron acompañados por conselleiros das outras comunidades.
O representante de Turismo de Galicia salientou que a intención de Galicia neste 2024 é “continuar apostando pola España Verde para seguir facendo fortes estes destinos”. Antonio Casas agradeceu ao País Vasco o “intenso traballo de promoción” e comprometeuse a que baixo, a coordinación de Galicia, se poida avanzar consolidando “a nosa presencia e extendendo a marca España Verde noutros lugares”. Neste sentido, avanzou que están previstas distintas acción promocionais para os mercados de Nova York, Londres, Berlín, Viena, Zurich, Milán, Roma ou París, entre outros moitos.
Corredor Ecoturístico
Tamén se realizará unha acción especial de promoción da gastronomía da España Verde en Lisboa e, sobre todo, será o ano no que se verán os resultados do ambicioso proxecto no que están participando todas as Comunidades desta marca turística. Trátase do Corredor de Ecoturismo da España Verde, coa que se pretende crear o maior corredor ecoturístico de Europa co financiamento dos fondos Next Generation.
Como avanzou o xerente de Turismo de Galicia, tras ter presentado a iniciativa este ano ao sector e entidades, está previsto que durante 2024 o produto estea xa deseñado para contar cunha gran ruta que atravese os principais lugares de especial interese natural da España Verde. Participan espazos naturais protexidos e empresas vinculadas á observación da fauna, aloxamento, empresas de turismo activo, entre outras. Os plans de Galicia pasan tamén por impulsar o Camiño de Santiago como feito diferencial que vertebra ás Comunidades da España Verde.