06 nov 2023
A Xunta coloca unha mouteira do Camiño de Santiago no aeródromo militar de Lavacolla no seu 30 aniversario
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na inauguración dunha mouteira conmemorativa do Camiño de Santiago no aeródromo militar de Lavacolla coincidindo co seu 30 aniversario.
Xunto ao coronel xefe do aeródromo e comandante militar aéreo, Miguel Ángel Paredes, o director de Turismo inaugurou a peza coa que se rende tamén homenaxe á coincidencia do nacemento da base militar de Santiago coa declaración do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade, ambas hai tres décadas. A mouteira foi colocada tendo en conta tamén a existencia dun trazado de vestixios históricos do Camiño Francés na zona.
A instalación desta peza forma parte do proxecto de sinalización conmemorativa coa que a Xunta de Galicia pon en valor o Camiño de Santiago e a súa pegada no mundo. Estes símbolos xacobeos téñense colocado xa en distintos lugares de Galicia, España, e distintas cidades do mundo, marcando a distancia ata Santiago de Compostela.
En concreto, en España está situadas en emprazamentos como o cuartel da Guardia Real de El Pardo, en Madrid; na localidade cántabra de Liébana ou en Astorga, entre outros. Tamén en cidades europeas como Glasgow, Cracovia, Pistoia, Lorient, Bruxelas ou Oporto, e mesmo cidades do continente americano como Río de Janeiro, ou asiático como Wakayama ou Corea.