13 nov 2023

Rueda destaca o récord de peregrinos, alcanzado a mes e medio de que finalice 2023 e sen ser Ano Xacobeo

Peregrino

 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que Galicia acaba de rexistrar máximos históricos de chegada de peregrinos ao superar xa as 438.307 compostelas emitidas ao peche de 2022, que era a cifra máis alta acadada ata entón. O titular do Goberno autonómico salientou o feito de superar esa cifra cando aínda queda mes e medio para rematar 2023 e tendo en conta que non é Ano Xacobeo.

 
Rueda, participou na homenaxe ao peregrino número 438.308 deste ano, que foi José Manuel, de 79 anos, e que percorreu máis de mil quilómetros pola ruta xacobea. O presidente galego recibiuno no Museo de Peregrinacións e de Santiago, e fixo fincapé na importancia deste novo fito do Camiño de Santiago, lembrando que hai só tres anos, en plena pandemia, o sector turístico foi un dos máis afectados polas restricións de mobilidade.
 
Nesta liña, asegurou que detrás das boas cifras que está a acadar o Camiño neste 2023 está o incremento en case un 30 % dos peregrinos estranxeiros -que xa representan máis da metade do total- e tamén fixo fincapé no aumento de peregrinos fóra da temporada alta, o que contribúe a desestacionalizar o turismo.
 
O presidente resaltou que esta cifra histórica de peregrinos confirma que Galicia se consolida coma un destino turístico sostible que inclúe todo o que demandan hoxe en día os viaxeiros: natureza, gastronomía e patrimonio cultural.
 
Ademais, Rueda destacou a importancia de seguir conservando e preservando as diferentes rutas xacobeas que son un dos principais motores do turismo en Galicia, contribuíndo a proporcionar “unha experiencia fantástica e única” para os milleiros de peregrinos que se deciden a recorrelas cada ano.
 
Con este obxectivo a Xunta xa traballa no Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027, unha folla de ruta cun centenar de accións destinadas a manter, conservar e promocionar esta ruta de peregrinación que conta cun orzamento de máis de 141 millóns de euros e que busca preparar a comunidade cara o vindeiro Xacobeo 2027.
Arriba