20 nov 2023

A Xunta incorpora Chicago na promoción internacional do destino Galicia ante os grandes operadores do mercado estadounidense

Chicago

A promoción do destino Galicia reforzouse con distintas accións no mercado internacional e nacional que inclúen a participación, por primeira vez, na 30 edición da Conferencia anual MAST promovida por Turespaña en Chicago onde a Xunta de Galicia deu a coñecer o destino, a oferta diversificada e o Camiño de Santiago ante os grandes operadores do mercado estadounidense. A acción promocional do destino completouse estes días no mercado europeo xunto ás comunidades da España Verde en Frankfurt e se promoveu o destino de interior entre turoperadores de distintas partes do mundo na Feira Intur.

Así, coa intención de consolidar as cifras do mercado internacional que vén experimentando importantes incrementos nos últimos anos e que xa alcanza o 30% da oferta turística galega, Turismo de Galicia participou esta semana na prestixiosa convención MAST de Chicago ante máis de 300 operadores de viaxes ante os que se realizaron dúas presentacións. Tamén se levaron a cabo distintos encontros de traballo con profesionais e intermediarios para reforzar a promoción da oferta galega.
 
Galicia participou tamén esta semana en Frankfurt nunha acción promocional xunto a Asturias, País Vasco e Cantabria – as comunidades da España Verde- para presentar a iniciativa Norte Diem, unha experiencia artístico-gastronómica conxunta que convida a vivir o norte de España cos sentidos ao mercado europeo. Participaron distintos profesionais da industria turística alemá, entre representantes de axencias de viaxes, medios de comunicación local e prescriptores do mundo da cultura e empresa.
 
Turismo de interior
Xunto a estas accións, a Xunta de Galicia contou esta semana cun expositor propio na 26 edición da Feira Internacional de Turismo de Interior de Valladolid ante numerosos turoperadores nacionais e internacionais de Europa, América e Asia. Desde o expositor galego promoveuse a oferta turística xeral, xunto ao turismo rural, a natureza, enogastronomía así como o Camino de Santiago. Contouse coa participación de artesáns da Asociación Ourives de Compostela, que realizaron en vivo pezas en prata e acibeche.
Arriba