27 nov 2023

A Xunta colabora no deseño dunha Estratexia europea que impulse o turismo sostible no horizonte 2030

Florencia

A Xunta de Galicia compartiu a súa experiencia en accións de sustentabilidade turística con máis dunha vintena de autoridades turísticas rexionais europeas diferentes no marco da reunión do comité de dirección de NECSTouR, a Rede de Rexións Europeas para un turismo e sustentable e competitivo que se celebrou na cidade italiana de Florencia.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo en común algunhas das accións levadas a cabo en Galicia para afondar na sustentabilidade coa intención de sentar as bases para unha estratexia europea común. Referiuse, entre algunhas cuestións, ao modelo galego centrado na diversificación e desestacionalización, o impulso ao desenvolvemento turístico rural ou á xestión dos fondos europeos para impulsar axudas e acción de cohesión en destino dirixidas a sectores e entidades locais así como plans de sustentabilidade turística en distintos concellos. Recordou tamén que se está a traballar na posta en marcha da nova Estratexia do Turismo de Galicia 2024-2030 que terá a sustentabilidade entre os seus eixos centrais.
 
Estas boas prácticas formarán parte dunha estratexia común dos socios da rede NECSTour para buscar solucións comúns a desafíos actuais e establecer alianzas estratéxicas con institucións turísticas europeas. Ademais, como membro do comité de dirección de NECSTour, Galicia abordará co resto de socios a planificación prevista para os vindeiros anos para buscar sinerxías nas rexións da Unión Europea e unha estratexia común que afonde na sustentabilidade dos destinos.
 
Sinerxías territoriais
NECSTouR ten entre os seus obxectivos promover o intercambio de experiencias e o deseño de programas conxuntos para impulsar o desenvolvemento sustentable, a creación de sinerxías entre distintos territorios e a aplicación de boas prácticas no sector. Con sede en Bruxelas, desenvolve proxectos interrexionais e fomenta a cooperación para permitir a gobernanza do turismo sostible en Europa. Desde a súa posta en marcha, estase a consolidar como unha eficaz ferramenta para asesorar ás autoridades comunitarias e buscar socios noutras rexións.
 
Como rede de 45 autoridades turísticas rexionais europeas e 35 membros asociados (universidades, institutos de investigación, representantes de empresas turísticas e asociacións de turismo sostible), traballa de maneira proactiva e en asociación para abordar os desafíos identificando, capturando e compartindo solucións de mellores prácticas. NECSTouR axuda aos destinos a lograr un enfoque máis intelixente e sostible para o desenvolvemento turístico.
Arriba