11 dec 2023

O Consello da Xunta aproba o lanzamento da nova campaña que promoverá o destino Galicia

Promocion

O Consello da Xunta autorizou a licitación do servizo para a execución e implementación do plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia e o Camiño de Santiago coa que se busca incentivar a actividade turística galega ao longo do ano 2024 e principios de 2025.

Tras o excelente Xacobeo 2021-2022 e a boa tendencia que se está a rexistrar en 2023, ano no que se manteñen e incluso se superan os resultados turísticos destes últimos dous Anos Santos, a Xunta de Galicia continuará dando un pulo á mercadotecnia turística coa intención de afondar na consolidación do destino Galicia de xeito global, reforzando as accións dun turismo respectuoso, sostible, diversificado e desestacionalizado nos distintos momentos do ano. Un destino que é atractivo nas cidades e no rural, na costa e no interior, no verán e tamén en inverno.
 
Con estas premisas, a Xunta de Galicia volverá contar cunha campaña de promoción do destino que comezará o seu prazo de execución o 1 de marzo de 2024 e terá unha duración prevista de 18 meses. Tendo en conta o período de duración deste acordo marco e dependendo das necesidades de difusión e comunicación, está prevista a realización dun mínimo de cinco oleadas, de impacto autonómico, nacional e darase impulso ao mercado internacional. 
 
Serán, en concreto, para a promoción turística do verán de 2024, a promoción en medios dixitais de ámbito internacional, concienciación e acollida de visitantes, promoción de productos específicos durante o outono e promoción turística durante a primavera de 2025. Estas oleadas son estimativas, e tendo en conta a intención de promover Galicia como destino turístico nas distintas temporadas, poderase adaptar a promoción ás necesidades de difusión e comunicación concretas. 
 
Cun orzamento de 6,9M€, a adxudicación realizarase mediante procedemento aberto e as oleadas incluirán anuncios en televisión, radios, prensa, revistas e edición dixitais. Tamén publicidade exterior. Este acordo marco incluirá os custos da estratexia, investigación, planificación, execución, xustificación e avaliación das campañas en medios de comunicación durante a súa vixencia; así como o custo da adquisición de espazos publicitarios en todos os soportes que se determinen.
 
Arriba