11 dec 2023
A Xunta organiza este Nadal tres xornadas de visitas guiadas gratuítas para coñecer o Pazo de Lourizán
Coa intención de dar a coñecer á cidadanía o importante legado do Pazo de Lourizán antes de que comecen as obras da súa restauración, a Xunta de Galicia organiza este Nadal tres xornadas de visitas guiadas gratuítas para coñecer este espazo.
Celebranse os días 23, 27 e 30 de decembro con dúas quendas diarias de 20 persoas en cada grupo ás 12,00 horas. Os participantes poderán coñecer de xeito guiado algúns dos aspectos máis salientables deste emblemático edificio, percorrendo os xardíns o invernadeiro así como algunhas estancias e salóns do seu interior. Trátase de visitas gratuítas previa reserva na páxina web de Turismo de Galicia, a partir do martes 12 de decembro.
Esta acción especial inclúese no produto de promoción da Xunta de Galicia ‘Nadal en Galicia’, que aglutina distintas propostas para pasar estas datas na Comunidade e organízanse, ademais, xusto antes de que comece o proxecto de rehabilitación por 18M€ que vai levar a cabo o Goberno autonómico para impulsar o rexurdimento destas instalacións que teñen un amplo valor histórico e ambiental.
O Pazo de Lourizán atópase no lugar de Herba Longa, na parroquia de Santo André de Lourizán, no concello de Pontevedra. Trátase dunha superficie de 46,55 hectáreas que foi propiedade do político galego Eugenio Montero Ríos, que o adquiriu no seu día xunto coa súa esposa Avelina Villegas no ano 1879. El foi quen encargou a Jenaro de la Fuente a reforma e deseño do pazo como unha residencia de verán pola que pasaron importantes personalidades da época. Nos seus salóns negociáronse cuestións políticas de máximo interese, como o Tratado de París de 1898, polo que se cederon as últimas terras coloniais que quedaban: Porto Rico, Filipinas, Cuba e Guam.
Os xardíns do Pazo de Lourizán están incluidos no itinerario cultural Xardíns Históricos de Europa ao contar cunha moi valiosa e recoñecida colección de camelias. De feito, tamén forma parte do itinerario deseñado pola Xunta Ruta da Camelia e, con este motivo, os participantes nestas visitas guiadas recibirán tamén unha camelia de Nadal, flor propia do inverno en Galicia.