A Xunta impulsa un novo plan de 1,5M€ para atraer un turismo sustentable a nove concellos de Valdeorras
O Consello da Xunta autorizou a subscrición dun convenio de colaboración coa asociación GDR Valdeorras para a posta en marcha do Plan de Sostibilidade Turística en Destino por valor de 1,5M€ nos nove concellos da comarca que representa esta entidade. Baixo o lema Ruta do Viño Milenaria, incluirá medidas que potencien a posta en marcha de ferramentas de dixitalización que impulsen a ruta do viño na comarca, o turismo industrial, ou súa rede de miradoiros en puntos de interese paisaxístico e patrimonial, entre outras accións.
En concreto, o plan beneficiará aos concellos de O Barco de Valdeorras, A Rúa, A Veiga, O Bolo, Petín, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, Larouco e Carballeda de Valdeorras. O plan ten unha folla de ruta ata 2025 con medidas que xiren ao redor da enogastronomía. Prevé impulsar, por exemplo, a potencialidade como destino de observación do firmamento vencellado á cultura vitivinícola da comarca, reforzar a promoción do Camiño de Inverno, implementar medidas de dixitalización que permitan reforzar o destino, fomentar a súa riqueza natural como recurso turístico e mesmo medidas de mobilidade sostible entre concellos, entre outras.
Esta nova folla de ruta inclúese no Plan Territorial de Sostibilidade Turística Enogastronomía de Galicia que a Xunta lanzou este ano 2023. Cun investimento de 34,5M€ ata o ano 2025 enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para aproveitar o financiamento europeo no camiño á transformación dixital e o incremento da competitividade dos destinos turísticos.
Este Plan Territorial galego inclúe a posta en marcha de medidas transversais destinadas ao sector de todo o territorio como axudas ao embelecemento e adecuación dos establecementos de produción enolóxica e alimentaria ou a potenciación da mobilidade sustentable, entre outras. Entre os compromisos do Plan está, ademais, a posta en marcha de 13 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino -como o autorizado hoxe- dos que se benefician un total de 80 concellos galegos.