O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na reunión celebrada en Vitoria-Gasteiz entre as distintas comunidades que forman parte da España Verde, a marca turística á que pertence Galicia xunto ás comunidades de Asturias, Cantabria e Euskadi. No encontro anunciouse que en 2024 a Comunidade galega asumirá a coordinación da marca nun acto que se celebrará no transcurso da Feira Internacional de Turismo (Fitur) en xaneiro.
Xosé Merelles salientou a importancia de asumir esta coordinación para fortalecer a marca turística e tamén cada un dos destinos que forman parte dela. Neste sentido, puxo en valor o traballo conxunto levado a cabo polas comunidades da España Verde “que fan máis fortes os seus atractivos turísticos de xeito conxunto sobre todo no mercado internacional, axudando tamén a impulsar cada un dos destinos de xeito individual para estes mercados”, indicou.
No acto abordáronse algúns dos proxectos máis inmediatos como o proxecto do Corredor de Ecoturismo da España Verde, financiado con fondos Next Generation no que participan todas as comunidades. Será o maior corredor de ecoturismo de Europa e suporá unha importante oportunidade para que todas as Comunidades avancen nun modelo turístico sustentable desde o punto de vista social e ambiental con experiencias en espazos naturais e con servizos novidosos.
Promoción conxunta
Na reunión celebrada hoxe, na que o País Vasco pechaba o seu ano como comunidade coordinadora, tamén se fixo balance doutras accións de promoción deste ano como as distintas viaxes de familiarización nas que o Camiño de Santiago, a enogastronomía, as cidades e o patrimonio natural e cultural centraron o protagonismo. Trátase de experiencias que permitiron que máis de 60 profesionais da industria turística coñeceran de preto os destinos e productos turísticos de cada territorio promovendo a singularidade e diversidade da España Verde.
Tamén se fixo balance da acción Norte Diem en Frankfurt, unha innovadora experiencia artístico-gastronómica que fusionou medios audiovisuais, gastronomía e paisaxes.