02 xan 2024

A Xunta destinará 1,8M€ para revalorizar o potencial turístico dos portos deportivos galegos

Asnauga

O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio de colaboración por 1,8M€ entre Turismo de Galicia e a Asociación de Clubes Náuticos de Galicia -ASNAUGA para o impulso do turismo náutico a través da realización de distintas actividades e a revalorización do potencial turístico dos portos de Galicia. É unha das accións incluidas no Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral posto en marcha polo Goberno galego con fondos Next Generation. 

En virtude deste convenio revalorizaranse os activos turísticos vinculados ao turismo náutico, con accións de mellora da eficiencia das infraestruturas portuarias galegas, a mellora dos servizos, a rehabilitación de infraestruturas e a dixitalización de recursos para optimizar a experiencia do visitante náutico en Galicia, entre outras accións.
 
Preténdese así unha maior integración e cohesión, se estas infraestruturas teñen os servizos e calidade necesarios para desenvolver a oferta turística náutica dos destinos costeiros galegos a través da creación de servizos costeiros nas rías, a creación e promoción de proxectos de emprendementos innovadores, o desenvolvemento de actividades e deportes náuticos, entre outras. 
 
Impulso ao litoral
Tomando como referencia os casos de éxito en Francia, Alemaña ou Portugal no ámbito do turismo fluvial, búscase conseguir que os portos volvan ser a porta principal de entrada para a visita turística ao territorio e aos municipios, co propósito de que se vexa no turismo náutico un potencial para ofrecer mobilidade e servizos de acollida desde o litoral.
 
O convenio asínase coa asociación Asnauga, a única existente en Galicia que representa ao sector e está formada por 31 entidades náuticas cuxo obxectivo é promover e comercializar o turismo náutico en Galicia.
Arriba