26 feb 2024
Galicia promóvese como destino cultural e de natureza entre o mercado nacional
Turismo de Galicia afianzou esta semana a promoción de Galicia como destino cultural e de natureza entre o mercado nacional coa súa participación en dúas das principais feiras celebradas en España nesta materia.
Así, seguindo co calendario de promoción anual, Galicia estivo presente ata o domingo 25 de febreiro en Pamplona na 18ª edición da feira Navartur, o certame profesional e aberto ao público que goza de gran popularidade, no que a Comunidade galega conta cun stand de deseño baixo a mensaxe Galicia é auga. Desde alí estanse a promover os recursos asociados ao turismo activo, sendeirismo, enogastronomía, turismo sostible e cultural, entre outros e disporá dunha zona de degustación de augas minerais galegas.
Tamén ata o domingo 25, Galicia estivo presente un ano máis na Feira Internacional de Ornitoloxía Fio, que este ano celebra a súa 19ª edición no Parque Nacional de Monfragüe, na localidade de Villareal de San Carlos, en Estremadura. O espazo galego está situado na área destinada a viaxes e natureza, onde Galicia dará a coñecer neste segmento as súas case 150 rutas e os 600 puntos de interese para a observación de aves, así como os recursos e produtos relacionados coa natureza e o Camiño de Santiago, entre outras.
O certame contou cunha Bolsa de Contratación para encontros B2B de 15 minutos previamente concertados, a fin de favorecer oportunidades de negocio ás empresas que ofrecen servizos especializados en turismo ornitolóxico e natureza, para o que a organización convoca a compradores de España, Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Irlanda, Alemania, Bélgica, Estados Unidos, etc. Na dita Bolsa participarán dúas empresas galegas especializadas.
Esta acción enmárcase na actividade que anualmente leva a cabo Turismo de Galicia para promover o destino en distintas feiras, que este ano ascenden ao redor de 30 de ámbito nacional e internacional. Tras Navartur e Fio, Galicia continuará as próximas semanas a súa promoción na feira B-Travel de Barcelona ou na BTL de Lisboa e a ITB de Berlín, entre outras.