18 mar 2024

A Unión Europea de Ciclismo recoñece o traballo da Xunta a prol deste deporte e do cicloturismo

Union Europea de Ciclismo

O xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, participou na inauguración do 36 Congreso da Unión Europea de Ciclismo que se celebra desde hoxe e ata mañá en Santiago de Compostela. Alí recolleu o recoñecemento que esta entidade vén de outorgar á Xunta de Galicia polo seu traballo a prol do turismo e do cicloturismo.

O xerente de Turismo de Galicia agradeceu en nome da Xunta de Galicia este galardón e salientou o “claro compromiso” por seguir mantendo un traballo “que axude a seguir creando afección a este deporte, apoiar aos seus profesionais e tamén reforzar o poder que o ciclismo está a ter para impulsar a Imaxe de Galicia tanto en España como fóra dela”.
 
Neste sentido, salientou iniciativas como o apoio aos clubs deportivos ou a iniciativas como O Gran Camiño, que na súa última edición recentemente celebrada, consolidou o seu papel como escaparate turístico da Comunidade. Tamén se referiu ao traballo do Goberno autonómico por poñer en valor recursos como a Rede Eurovelo, a rede transfronteiriza de rutas ciclistas de longa distancia que atravesan Europa, que ten dous itinerarios en Galicia, nos que a Xunta de Galicia se está a encargar da súa sinalización.
Arriba