05 abr 2024

A Xunta impulsa un novo Plan de 2M€ para reforzar a sostibilidade turística no concello de Vigo

Cidade de Vigo

O Consello da Xunta autorizou a subscrición dun convenio de colaboración co Concello de Vigo para a posta en marcha do Plan de Sostibilidade Turística en Destino na cidade viguesa por valor de 2M€. Incluirá medidas que conecten a gastronomía e os recursos naturais e culturais con accións que promovan o turismo sustentable e dixitalización. Enmárcase no Plan Territorial Enogastronomía de Galicia deseñado polo Goberno autonómico con fondos europeos Next Generation.

 
En concreto, ao abeiro deste plan, o Concello de Vigo desenvolverá accións ata 2025 con medidas como actividades de formación para impulsar a dixitalización de establecementos gastronómicos, accións para a mellora da separación de residuos e posterior reciclaxe, así como reforzo da accesibilidade e mobilidade como renovación de espazos peonís, instalación e configuración dunha rede de marquesiñas dixitais interactivas e accesibles ou cartelería específica de sinalización da zona turístico comercial e mellora de mobiliario, entre outras. 
 
Esta nova folla de ruta para Vigo terá unha duración ata 2025. Forma parte do Plan Territorial Enogastronomía de Galicia deseñado polo Goberno autonómico, que inclúe a posta en marcha de medidas transversais destinadas ao sector de todo o territorio como axudas ao embelecemento e adecuación dos establecementos de produción enolóxica e alimentaria ou a potenciación da mobilidade sustentable, entre outras. Entre os compromisos do Plan Territorial está, ademais, a posta en marcha de 13 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino dos que se benefician un total de 80 concellos galegos. Coa autorización deste convenio, a Xunta ten en marcha xa ao completo o Plan Territorial de Enogastronomía de Galicia.
 
Estes 2M€ para o Plan de Sostibilidade Turística en Destino de Vigo, súmase aos outros 2M€ que a Xunta de Galicia tamén promove para a cidade co Plan de Sostibilidade Turística de Bouzas. Ambos os plans están convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e se executarán ao abeiro dos fondos europeos Next Generation no marco dos Plans Territoriais deseñados pola Xunta de Enogastronomía e no de Vilas Termais e Cascos Históricos. Durante o proceso, a Xunta de Galicia velou para que fosen proxectos ben planificados e xustificados no marco da convocatoria. 
 
Arriba