08 abr 2024

A Xunta promove o Camiño de Santiago no mercado chinés cunha decena de xornalistas e influencers que suman máis de 5 millóns de seguidores

O grupo de influencers chineses ao seu paso polo Mosteiro de Samos

 A Xunta de Galicia está a promover o Camiño de Santiago no mercado chinés a través dunha acción na que están a participar un grupo de xornalistas e influencers chineses especializados en viaxes que, xuntos, suman máis de 5 millóns de seguidores.

 
Organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa OET de Pekín, nesta acción de familiarización participaron representantes de publicacións como a prestixiosa revista semanal Sanlian Life Week, as publicacións de turismo Voyage e Travel Zone, así como un grupo de influencers especializados en viaxes.
 
Realizaron o Camiño Francés desde Sarria cun percorrido que incluiu distintos recursos patrimoniais da ruta xacobea, así como algúns dos albergues da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago como o de Ribadiso, en Arzúa. 
 
Cada vez máis peregrinos estranxeiros
 
A acción enmárcase no traballo levado a cabo polo Goberno autonómico para promover e divulgar os recursos vencellados ao Camiño de Santiago nos distintos mercados, tendo en conta que os peregrinos internacionais están a volver a recuperar os niveis previos á pandemia e o ano pasado xa representaron máis do 50%. 
 
No caso do mercado chinés tamén se está a notar unha recuperación en comparación coas cifras de 2019, xa que o ano pasado foron máis de 1.000 os peregrinos deste país os que recolleron a Compostela (ao igual que antes da pandemia) e no que vai de ano a cifra ascende a preto de 250. 
 
Arriba