11 abr 2024

A Xunta salienta a oportunidade turística de Galicia como integrante do itinerario cultural dos vikingos

Follow the vikings

O director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, participou no seminario anual do proxecto Follow the Vikings ao redor do itinerario cultural dos vikingos do que forma parte Galicia, onde puxo de manifesto a oportunidade que supón para a Comunidade ser integrante deste itinerario desde o punto de vista turístico. 

 
Como indicou, Galicia conta co aval da experiencia na xestión de itinerarios culturais como o Camiño de Santiago desde hai máis de 30 anos e o feito de que presida a Federación Europea do Camiño de Santiago fai que o Goberno autonómico “sexa idóneo para transmitir neste itinerario experiencia na xestión, desenvolvemento de plans estratéxicos, medición de resultados e coordinación”.
 
Salientou que a xestión dun itinerario cultural como este supón un “gran reto e unha magnífica oportunidade” para os territorios polos que pasa polo seu atractivo turístico e a súa capacidade de xerar unha industria local de servizos para cubrir as necesidades dos visitantes. 
 
Recordou, ademais, que ademais de xestionalo desde unha perspectiva tanxible a través dos bens históricos conservados, tamén é importante ter en conta os bens intanxibles como tradición orais, usos sociais, ríos, actos festivos… Neste sentido indicou a importancia da investigación histórica, a coordinación institucional e tamén a implicación da sociedade civil para o impulso cultural e turístico deste tipo de itinerarios e a súa importancia para establecer nexos de unión con outros territorios. 
 
Arriba