13 mai 2024

A Primavera de Portas Abertas nas Rutas dos viños da Xunta chega esta fin de semana a máis de 30 adegas, restaurantes e aloxamentos das Rías Baixas

Visita do director á Primaveira de Portas Abertas

O director de Turismo Galicia, Xosé Merelles, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participaron hoxe en Portas nunha das actividades da Primavera de portas abertas que a Xunta leva a cabo en colaboración coas cinco entidades impulsoras das rutas dos viños e que se desenvolverá ata o mes de xuño nos distintos territorios vitivinícolas.

 
En concreto, visitaron a adega Viña Cartín, onde participaron nunha cata. Xosé Merelles salientou a capacidade dinamizadora destas xornadas de portas abertas para o rural da man dun dos elementos estratéxicos no modelo turístico galego. “A enogastronomía centra gran parte do noso traballo actual, con plans de sustentabilidade turística en máis de 80 concellos ao redor deste recurso, pero tamén será clave na nosa futura Estratexia de Turismo de Galicia 2030 que estamos ultimando”, indicou.
 
O director de Turismo de Galicia animou a participar durante a fin de semana das actividades programadas nos máis de 30 establecementos na denominación de orixe das Rías Baixas. Están previstas saídas do bus do viño desde Santiago de Pontevedra, Vigo, Ourense e Ferrol. 
 
Cinco fins de semana
 
Entre as actividades previstas esta fin e semana destacan, entre outras, un concerto a bordo dun barco histórico polo Miño, catas a cegas con camelias té e viño no Pazo Quinteiro da Cruz e visitas ao patrimonio natural e cultural, entre outras actividades que se poden consultar na web de Turismo de Galicia. 
 
Esta é a segunda fin de semana da iniciativa, que se iniciou na denominación de orixe de Valdeorras. A Primavera de Portas Abertas continuará ata xuño nunha denominación de orixe por cada fin de semana. Así, do 17 ao 19 de maio será na D.O Ribeiro, do 24 ao 26 de maio na Ribeira Sacra e do 31 de maio ao 2 de xuño en Monterrei. 
 
Arriba