13 mai 2024

Rueda pon en valor un novo récord do Camiño de Santiago ao recibir ao peregrino número 100.000 antes que calquera outro ano

Rueda recibindo á peregrina 100.000

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor que o Camiño de Santiago bateu un novo récord ao recibir ao peregrino número 100.000 antes que calquera outro ano, que adoita ser a principios de xuño. A homenaxe recaeu en Milagros, unha muller de 60 anos e procedente de Florida, que percorreu o Camiño Portugués da Costa co seu marido.

 
O titular do Executivo galego puxo en valor esta cifra e enmarcouna na boa tendencia desta ruta de peregrinación, que en 2023 xa bateu os rexistros históricos a pesar de non ser Ano Santo. Aínda así, resaltou que o obxectivo principal é o trato que se lles da aos peregrinos: “non imos obsesionarnos coas cifras: o que nos interesa é acollelos. Que sentan, desde que entran en Galicia, na súa casa”, destacou Rueda.
 
Cómpre destacar que esta ruta de peregrinación está cada vez máis desestacionalizada e diversificada. De esta maneira, a afluencia de peregrinos segue medrando fóra de tempada alta; e que cada vez hai un reparto máis equilibrado de camiñantes entre as distintas rutas. Así, se en 2004 o resto de rutas que non eran o Camiño Francés representaban só o 24% dos peregrinos, agora esa cifra incrementouse ata o 53%. Ademais, o camiñante estranxeiro cada vez ten unha relevancia maior, xa que actualmente 6 de cada 10 Compostelas que se entregan son para algún visitante de fóra das nosas fronteiras.
 
Por último, o presidente galego comprometeuse a seguir traballando por preservar os valores do Camiño e un modelo turístico sustentable e ordenado: “empezan agora os meses fortes do Camiño, e faremos todo o posible para que cada peregrino se sinta como o único, que sexa algo moi especial e que se leven un magnífico recordo de Galicia”, apuntou Alfonso Rueda. 
 
Arriba