20 mai 2024

A Xunta destinará máis de 1M€ para a ordenación e control de fluxos de visitantes á Catedral de Santiago e á Oficina do Peregrino

Oficina do peregrino

O Consello da Xunta autorizou o convenio anual coa Fundación Catedral de Santiago e a S.A.M.I Catedral de Santiago por máis de 1M€ para sufragar os gastos de persoal (vixiantes e servizos auxiliares) que realizará o conxunto catedralicio este ano para controlar e ordenar os accesos e fluxos de visitantes á Catedral de Santiago e á Oficina do Peregrino. 

 
Ao abeiro deste convenio, a actuación de reforzo do persoal de seguridade na Catedral será executada pola Fundación Catedral de Santiago e o reforzo do persoal de seguridade na Oficina de Atención ao Peregrino será executada pola S.A.M.I. Catedral de Santiago, en ambos casos, mediante empresas de seguridade privada. 
 
O Goberno autonómico dá así resposta á positiva evolución da chegada de visitantes e pregrinos a Galicia. De feito, vén de acadarse a cifra do peregrino 100.000 moito antes do que se acadara en anos anteriores o no primeiro trimestra o ritmo de crecemento da demanda turística está a ser do 15%. 
 
Con esta axuda económica sufrágase o reforzo no servizo continuo tanto de vixilancia de seguridade como en servizos auxiliares no control de accesos, no interior do templo para o culto, apertura de portas, entrega e recepción de chaves, atención aos sistemas de seguridade, entre outras, na Catedral e na Oficina de Atención ao Peregrino. Tamén para o control do Portico da Gloria e do circuito de visita á cripta e ao abrazo ao Apóstolo. 
 
O Goberno autonómico continúa así a senda da colaboración institucional levada a cabo nos últimos anos para a mellora da atención aos peregrinos en Santiago de Compostela. Alíñase cos compromisos plasmados en distintas das liñas de acción do Plan Director dos Camiños de Santiago 2027 que inciden en mellorar os servizos de atención ao peregrino.
 
Arriba