O Consello da Xunta de Galicia autorizou a sinatura dun acordo de colaboración entre Turismo de Galicia e o Concello de San Cibrao das Viñas (Ourense) para levar a cabo as obras de pavimentación da Rúa As Corgas na Castellana, da estrada vella en Reboredo e do acceso a Carballeira. Os tres viais atópanse nas inmediacións da Vía da Prata polo que os peregrinos que realicen este Camiño sumarán a visita a estes elementos patrimoniais na súa experiencia. O custe total das actuacións ascende a 200.067,96 euros, dos que a Xunta achegará o 85% do total.
As obras a realizar no Concello de San Cibrao veñen a sumar atractivos ao Camiño de Santiago, concretamente á Vía da Prata, potenciando os valores turísticos dos concellos polos que pasan as distintas rutas. Turismo de Galicia reforza así as súa aposta por diversificar e repartir a chegada dos peregrinos nos diferentes itinerarios. No que vai de 2024, a Vía da Prata foi percorrida por máis de 8.300 persoas, o que se traduce nun incremento do 14% con respecto ao mesmo período de 2023.
As actuacións a realizar en San Cibrao pretenden potenciar así un elemento patrimonial do Concello, favorecendo o uso e goce do entorno por parte de veciños e visitantes, ao tempo que se fomenta o turismo patrimonial como un instrumento de reequilibrio territorial, o que supón a posta en valor turístico da citada infraestrutura.
Segundo o convenio autorizado hoxe, o Concello e San Cibrao das Viñas comprométese a desenvolver as actuacións de mellora e xustificar posteriormente a realización das mesmas, ademais de sinalizar as obras facendo constar a colaboración prestada pola Xunta de Galicia.
Enmárcase nos obxectivos do Plan Director dos Camiños de Santiago na Comunidade Autónoma de Galicia 2027 que inclúe medidas que afonden na posta en valor de todos os itinerarios xacobeos, a conservación do seu patrimonio e o seu impulso.