O Bono Turístico da Xunta arranca a bo ritmo con preto da metade dos bonos descargados nas primeiras horas
A nova campaña do Bono Turístico da Xunta arranca a moi bo ritmo, cun centenar de bonos turísticos emitidos por minuto nas primeiras horas e cun balance de preto da metade dos bonos descargados a media mañá de hoxe. O prazo para as descargas comezou ás 9,00 horas e ata o medio día descargáronse preto de 8.000 bonos, dos máis de 16.000 que están dispoñibles para a súa descarga.
Os usuarios que desexen facerse cun bono turístico da Xunta pódeno facer a través da páxina web www.bonoturismo.gal. Son bonos en formato código QR cun importe de 150€, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia en nun 60% polas persoas que o soliciten (os particulares abonarán, polo tanto, 90€ para contar cun bono por valor de 150€). Como novidade, cada usuario poderá descargar este ano ata dous bonos, polo que poderá contar cun investimento de ata 300€ para gozar dunha estadía o vindeiro outono nalgún dos establecementos que se adhiran. Os beneficiarios poderán empregar os seus bonos desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024, ambos incluídos.
Tamén está aberto o prazo para que as empresas se adhiran. Neste sentido, a día de hoxe xa forman parte da campaña deste ano máis de 200 empresas, entre establecementos de aloxamento e axencias. O prazo de adhesión de establecementos continuará aberto ata o 2 de decembro. Poderán facelo tamén a través da páxina web www.bonoturismo.gal.
Fóra de temporada
A iniciativa -que naceu no contexto da pandemia para dinamizar o consumo turístico e inxectar liquidez ás empresas do tecido turístico galego- está consolidándose como una proposta que impulsa a actividade fóra de temporada alta e contribúe a apoiar o sector.
Nestes catro anos puxéronse en circulación máis de 47.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 14M€: deles, durante a pandemia foron máis de 10M€ (5M€ co bono turístico sociosanitario e 5,8M€ no ano 2021), aos que se suman os 3M€ nos últimos dous anos.