A Xunta impulsa a mellora paisaxística de Porto de Boa en Porto do Son no seu compromiso por reforzar o atractivo e calidade turística da costa galega
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, desprazouse a Porto do Son onde visitou a zona de amarres do Porto de Boa, lugar no que se acometerá unha actuación de embelecemento e mellora do litoral co apoio de Turismo de Galicia cun investimento de 80.000 euros. Como explicou é un dos proxectos beneficiarios da segunda convocatoria da liña de axudas destinada a concellos galegos para levar a cabo accións de embelecemento do litoral e potenciar así o seu uso turístico, cun investimento global de 2,7M€.
Xosé Merelles puxo de manifesto o apoio que Turismo de Galicia está a dar aos concellos galegos para axudar a desconcentrar a actividade turística con accións que contribúan a mellorar os seus recursos turísticos. Neste sentido referiuse á liña de axudas da que foi beneficiario o proxecto visitado hoxe que forma parte dos 64 proxectos en 41 concellos do litoral galego que comprenden iniciativas como melloras paisaxísticas en paseos marítimos, creación de contidos e recursos turísticos dixitais, recuperación de sendeiros ou sinalización, entre outras.
Durante a súa visita, o director de Turismo de Galicia atendeu ás explicacións do equipo técnico que informou da actuación programada no Porto de Boa. O proxecto suporá intervir nuns 300 metros cadrados, de forma que se acondicionará o espazo, recuperando e poñendo en valor os amarres protexidos segundo o Catálogo do Patrimonio Arquitectónico e se construirán unha serie de plataformas pavimentadas de interrelación transitoria entre o paseo e a praia.
Sustentabilidade Turística
“O resultado final permitirá o uso mixto pesqueiro e náutico-deportivo e tamén a realización de actividades complementarias, para desfrute de residentes e visitantes”, asegurou Xosé Merelles. Esta liña de axudas é unha das actuacións incluidas no Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral posto en marcha polo Goberno galego con fondos Next Generation. Concedéronse en réxime de concorrencia non competitiva e, entre outras, subvencionáronse accións que afondasen na transición verde e ecolóxica para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral, tamén accións de transición dixital e accesible e inclusiva.
O Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral ten un plan de execución ata este ano 2024. Cun investimento global de 29,3M€ enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para aproveitar o financiamento europeo no camino á transformación dixital e o incremento da competitividade dos destinos. Inclúe a posta en marcha de medidas transversais destinadas ao litoral galego como dúas convocatorias anteriores para concellos e establecementos para rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral galego e ademais, entidades locais están executando distintos Plans de Sostibilidade Turística en Destino.