21 set 2024

A campaña dos trens turísticos de Galicia da Xunta remata coa participación de preto de 2.000 persoas

A campaña dos trens turísticos de Galicia pecha esta edición cun dos resultados de ocupación global máis altos de toda a súa historia. En concreto, alcanzouse o 97,5% de ocupación de media nas 11 rutas que se incluían nunha iniciativa deseñada e implementada por Turismo de Galicia en colaboración con RENFE e o Inorde.

En total, 1.840 persoas gozaron desta experiencia que combina viaxe en tren con visitas a lugares, patrimonio e experiencias gastronómicas ou doutro tipo, segundo cal sexa a ruta elixida. Desde que comezase a experiencia no mes de marzo foron moitas as rutas que en seguida colgaron o cartel de ‘non quedan billetes’ para coñecer mediante unha experiencia de roteiros coma o do Ribeiro, Mosteiros e dos Queixos, que alcanzaron o 100% de ocupación. Moi cerca desta porcentaxe estiveron a MEGA-A Coruña, co 99,5% e a dos Faros co 99%, seguida da dos Pazos (98,5%), Rías Baixas (98%) e Camelias (97,5%)

Por meses de celebración da campaña cabe salientar que en marzo se alcanzou unha ocupación media de 97,5%, mentres que en xuño foi do 94,4%. En xullo, a ocupación chegou ao 98,9% e en agosto foi do 98,1%. Setembro foi o mes con maior participantes, rexistrando un índice do 99,4%.

Cada ruta do tren turístico tiña unha duración dun día e ademais do percorrido en tren, a iniciativa incluía un servizo de guías oficiais de Galicia durante a viaxe, xunto con traslados complementarios en autobús e entradas aos puntos de interese.

Arriba