23 set 2024

Martina Aneiros anima aos establecementos de Ferrolterra a adherirse á campaña do bono turístico da Xunta este outono

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Cabanas, Fernando Couce, visitou o establecemento hoteleiro Alda Cabanas Playa, un dos 23 negocios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal adheridos á presente campaña do bono turístico. Os establecementos poden incorporarse ata o 2 de decembro.

Durante esta visita a este establecemento situado en primeira liña de costa, Aneiros destacou o éxito acadado por esta edición na que os 16.666 bonos dispoñibles se esgotaron nos 15 primeiros días de campaña e animou a todos os beneficiarios a empregalos antes de finais de ano.

Lembrou ademais o auxe que está a acadar o turismo na Comunidade autónoma e especialmente nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal “cunhas propostas máis vinculadas á natureza, aínda que tamén ao turismo urbano e sobre todo ao Camiño Inglés” e destacou esta iniciativa que por cuarto ano consecutivo leva a cabo o  Goberno galego, “non só orientada a dinamizar no sector, senón a facelo fóra da temporada alta”, dixo.

O programa #DescubreGaliciaenOutono permitiu este ano a descarga de ata un máximo de dous bonos por persoa. Trátase de bonos en formato código QR cun importe de 150€, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia en nun 60% polas persoas que o teñan solicitado. O prazo para empregalos arrincou o pasado 10 de setembro e se prolongará ata o 25 de decembro.

O bono turístico da Xunta contou este ano cun orzamento de 1 M€ e a previsión de mobilizar no sector 2,5 M€ durante este outono.

Arriba