12 out 2024

A Xunta promociona desde esta fin de semana o turismo rural na nova campaña ‘Embaixadores de Galicia’ entre máis de medio millón de seguidores

Un total de cinco bloggers e instagramers do ámbito internacional e outras cinco do ámbito galego que suman máis de medio millón de seguidores convértense  en ‘Embaixadores de Galicia’ no marco da nova campaña promocional de Turismo de Galicia para impulsar o Outono Gastronómico en Turismo Rural, a iniciativa que combina estadías en casas de turismo rural con propostas gastronómicas.

A selección dos 10 embaixadores fíxose a partir das 632 solicitudes recibidas, o que representa en conxunto máis dun millón de seguidores asociados aos perfís dos interesados. Todas as propostas foron ordeadas e logo aplicáronse criterios de calidade nos recursos audiovisuais utilizados, de acompañamento de locucións e tamén se eran temáticas relacionadas con viaxes e turismo, Galicia e a súa gastronomía.

Finalmente foron seleccionados cinco perfís internacionais ou con capacidade de comunicación noutros idiomas e cinco perfís galegos. Deste xeito as persoas que actuarán como embaixadores de Galicia farán as súas comunicacións en árabe, chino, polaco, brasileiro, catalán, inglés, castelán e galego. O público directo ao que poderán chegar coas súas interacción en redes sociais achégase ao medio millón de seguidores.

Turismo de Galicia busca así implicar na campaña Outono Gastronómico en Turismo Rural a aquelas persoas que actualmente publican contidos neste sentido, divulgando en grande medida o patrimonio natural e patrimonial de Galicia, converténdoos en embaixadores nas redes sociais.

Para incitar á participación, creouse un vídeo dinámico para as redes no que se invitaba a colaborar con Turismo de Galicia, apelando ao seu orgullo por ser galegos ou apaixonados por esta terra, e o seu cariño por amosar Galicia. Os 10 embaixadores terán como compensación ao seu compromiso co turismo desta Comunidade, unha fin de semana do Outono Gastronómico en turismo rural, que incluiría todos os gastos necesarios para levala a cabo, pero non retribucións económicas, se solicitará a divulgación da campaña nas súas propias redes.

Arriba