21 out 2024

O Gozo Festival 2025 incorpora os concertos de Alanis Morrissette e Lionel Richie co impulso da Xunta

A nova edición de O Gozo Festival 2025 -o festival que apoia a Xunta de Galicia na súa estratexia por posicionar a comunidade como destino turístico de grandes eventos musicais- continúa sumando nomes ao seu cartel, cos concertos de Alanis Morrissette e Lioneil Richie o vindeiro mes de xullo na Coruña. 

En concreto, a artista americana Alanis Morrissete actuará o 9 de xullo coa súa xira europea, tras o éxito que obtivo en EEUU, cun repertorio no que repasará a súa traxectoria desde os anos 90 co seu lexendario Jagged Little Pill. As entradas poranse á venda o vindeiro 24 de outubro ás 9,00 horas en Livenation, Ticketmaster e Ataquilla.

Pola súa banda, Lionel Richie actuará na cidade da Coruña o 31 de xullo dentro da súa xira europea Say Hello to the hits, onde repasará os seus grandes éxitos como All Night Long ou Say You Say Me, entre outros. As entradas estarán á venda a partir do 25 de outubro ás 10,00 horas en Livenation, Ticketmaster, El Corte Inglés e Ataquilla. 

Estes dous concertos súmanse aos xa anunciados nas últimas semanas para a vindeira edición de O Gozo Festival, como o de Franz Ferdinand o 15 de febreiro e o de Lenny Kravitz vindeiro 10 de abril, ambos na Coruña, ou o de Anastacia o 16 de marzo en Vigo.

Oferta turística das cidades

A Xunta de Galicia continúa así dinamizando a oferta turística das cidades durante todo o ano co apoio a grandes concertos e festivais como O Gozo Festival, que naceu en 2022 co apoio do Goberno galego. Na edición deste ano 2024, máis de 75.000 persoas asistiron aos concertos de Ed Sheeran, Maná, Bomba Estéreo, Queens of the Stone Age, The Warning, entre outros, con público procedente de máis de 20 países, como México, Finlandia, Brasil ou Xapón. 

Ademais, está previsto que o 15 de decembro actúe tamén Rod Stewart no Coliseum da Coruña, tamén ao abeiro de O Gozo Festival.

Arriba