26 out 2024

A Xunta salienta o papel de Xantar para situar Galicia como referente no turismo sostible e na aposta pola excelencia dos profesionais do sector hostaleiro

A Xunta puxo en valor o papel do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar para situar Galicia como referencia no turismo sostible e na aposta pola excelencia dos profesionais do sector hostaleiro.

Durante a visita que realizaron ao Salón a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, enxalzaron os 25 anos que leva traballando esta feira internacional para promocionar a riqueza gastronómica da Comunidade.

Nesa liña, Ángeles Vázquez salientou tamén o compromiso dos promotores do evento coa protección do medio ambiente e a sostibilidade. De feito, as actividades incluídas en Xantar, ademais de levar 19 anos  enmarcadas no Encontro internacional de gastronomía saudable e sostible, fan unha importante aposta polo uso de alimentos de proximidade. O uso de produtos agroalimentarios e pesqueiros galegos representa un grande apoio para estes sectores produtivos e, a maiores, tamén contribúe a reducir a pegada de carbono.

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, tamén quixo manifestar coa súa presenza o apoio ao Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, precisamente a xornada que se celebra do Día do Turismo. Xosé Merelles constatou como cada ano a calidade e excelencia dos produtos, empresas e restauradores galegos suman atractivos e potencian a oferta enogastronómica da Comunidade, converténdose nun polo de atracción para visitantes que entronca ademais coa filosofía e obxectivos da Estratexia de Turismo de Galicia 2030.

 

Arriba