A Xunta impulsa a implicación civil na cultura xacobea a través de axudas a preto dunha trintena de Asociacións Amigas do Camiño
Turismo de Galicia vén de facer pública a concesión das axudas dirixidas ás Asociacións Amigas do Camiño de Santiago para contribuír á dinamización, desde a sociedade civil, da cultura xacobea e todo o que esta implica tanto en España como a nivel internacional. En total, apóianse proxectos impulsados desde entidades de Galicia, España, Europa e Asia por un importe total de 150.000 euros.
Concretamente, fináncianse nove proxectos presentados de Asociacións Amigas do Camiño de Galicia, outros nove de España, dous de Bélxica, un de Chequia, un de China, un de Croacia, un de Francia, un de Letonia e outro de Países Baixos.
Cada entidade presentou un proxecto acreditando na súa formulación a necesidade social ou insuficiencia de cobertura. Ademais, debían ser viables economicamente e socialmente e tiñan que contar con capacidade técnica e organizativa para a súa realización.
A tipoloxía dos proxectos financiados é variada e vai desde a promoción da cultura xacobea nos distintos camiños ata a distribución e promoción documental, produción de material divulgativo, publicacións específicas, iniciativas de integración social e dixitalización, entre outros.
Algúns proxectos
Así, acometeranse iniciativas de promoción da cultura xacobea en China e Letonia, contribuirase a elaboración dunha guía de cruceiros xacobeos no camiño do Mar de Arousa, mellorarase a información da ruta en Bélxica e recuperarase información sobre portos de embarque medieval, entre outras. O importe máximo de axuda por proxecto é de 10.000 euros e os distintos proxectos pódense consultar na resolución publicada.
Turismo de Galicia vén convocando estas axudas desde 2017 no seu compromiso por promover a divulgación da cultura xacobea e fomentar o pensamento e investigación. Enmárcase, ademais, nos compromisos do Plan Director dos Camiños de Santiago 2027 para seguir afondando na colaboración coas asociacións amigas do Camiño de Santiago.