Turismo promociona en Bilbao a proposta urbana con ‘De Tapas por Galicia’ para incrementar o fluxo de visitantes todo o ano da man da gastronomía
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou a semana gastronómica De Tapas por Galicia en Bilbao coa que Turismo de Galicia presenta na capital de Vizcaya as tapas gañadoras este ano nos certames celebrados nas sete cidades galegas. A promoción da oferta turística urbana é un dos obxectivos da Estratexia de Turismo de Galicia 2030 e que se persegue tamén con esta acción con miras postas en incrementar os 269.000 turistas vascos rexistrados en 2023 e tamén garantir un fluxo de visitantes durante todo o ano.
Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia puxo en valor a gastronomía como un dos principais atractivos para turistas que cada día outorgan máis valor a experiencias de calidade e singulares. Así, destacou a estratexia do Goberno galego de promoción de gastronomía galega co Plan Territorial de Sostibilidade Turística de Enogastronomía de Galicia, dotado con 34,5 M€, que dá conta “da nosa férrea aposta pola gastronomía e o noso traballo para posicionar Galicia como un destino de excelencia”.
O director de Turismo de Galicia subliñou tamén a gastronomía do País Vasco, á que se referiu como un referente en todo o territorio nacional. En relación a De Tapas por Galicia dixo que é “un dos nosos mellores escaparates para amosar o mellor dos nosos produtos de proximidade, o mellor modo de facer dos nosos cociñeiros e o carácter máis innovador da nosa cociña”.
Tapas e viños das DO
Ata o vindeiro 17 de novembro, sete cociñeiros das sete principais cidades galegas reuniranse no Mercado de La Ribera da capital bilbaína para amosar as súas propostas gastronómicas en forma de tapa, maridadas con viños das cinco Denominacións de Orixe de Galicia. Cada cociñeiro elaborará unha media de 300 tapas nos distintos días desta semana.
Así, Manu Triay que rexenta a Taberta Triay na Coruña presentará a tapa Donete recheo de cocido. Ademais, Álvaro Pérez de Artesana Gastrobar en Santiago de Compostela, o que elabore a tapa Estamos como cabras para logo Iñaki Bretal do Restaurante Loaira en Pontevedra, presente a proposta Trasmallos entre neboeiro.
A tapa Nigiri crokketa de carabineiro, elaborada por Nicolás Pío de Nikko Espacio Gastronómico de Vigo, e Gabi Conde do Restaurante Portovello de Ourense explicará a tapa A Terma. Tamén se presentará a tapa gañadora da cidade de Lugo. Será Bret Fernández de Prebe by Bret que elaborará Xurelo Black Coupage e para rematar, será Adrián Pérez do restaurante ferrolán Sinxelo, quen presente e tapa Recordos da miña nenez.