08 nov 2024

Xosé Merelles enxalza a implicación da hostalería local do Grove na promoción turística do territorio

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, entregou  o premio Grove de Ouro a Marisquería Solaina a quen lle recoñece, como representante do sector da hostalería local, “a súa implicación na aposta e o desenvolvemento turístico do territorio, neste caso, do Concello de O Grove”.

Ademais, puxo en valor o carácter local e familiar dos establecementos e empresarios galardoados nesta edición que recaeron ademais, na súa modalidade de Prata, en Rosa Díaz Álvarez de Bricolage Mariño e foi merecedor dun diploma especial por xubilación Antonio Álvarez Alfonso.

Referíndose ao xeodestino Ría de Arousa, Xosé Merelles salientou que rexistrou un incremento do 29% de turistas estranxeiros entre xaneiro e setembro deste ano, que fixeron 235.000 noites, acadando así un máximo histórico ao superar, por primeira vez, as 200.000 noites nos establecementos deste destino. 

Xosé Merelles salientou tamén o dato acumulado de viaxeiros nos primeiros nove meses de 2024 que se sitúa en 493.378 aloxados nos establecementos da Ría de Arousa, especialmente en Sanxenxo e O Grove. Rexistrouse así uns incrementos do 12,8% e 6,1%, respectivamente, con respecto ao mesmo período de 2023. 

“O destino Ría de Arousa representaba así ata setembro o 17,2% da demanda hoteleira de Galicia”, subliñou, engadindo ademais que a rendibilidade hoteleira medrou o 2,3%, “o que repercute directamente no desenvolvemento económico deste territorio”.

Arriba