17 nov 2024

O Centro Superior de Hostalería de Galicia inaugura as celebracións do seu 30 aniversario cun foro de expertos sobre os retos futuros da xestión do sector

O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) inaugurou as actividades de conmemoración do 30 aniversario coa celebración dun café coloquio titulado ‘O futuro do revenue management’, que congregou en Santiago de Compostela a directores de hotel e revenue managers de establecementos de Galicia, tanto independentes como de cadeas hostaleiras.

Durante a sesión, moderada por Andrés Nieto, profesor do CSHG, os relatores Diego Fernández de Ponga, CEO de Port Hotels, e Daniel Meira, cofundador de Kaimo Revenue, ambos expertos en revenue management, abordaron temas clave na xestión hoteleira de actualidade. Un deles, o referido ao panorama actual e futuro da distribución hostaleira, permitiu ademais formular estratexias para que os hostaleiros recuperen o control da comercialización fronte ao crecente poder das canles de distribución.

A implementación de solucións tecnolóxicas na xestión e comercialización hostaleira, facendo énfase na importancia de contar con equipos cualificados que definan obxectivos antes de adoptar ferramentas tecnolóxicas para maximizar a súa eficacia, foi outro dos temas formulados no encontro profesional.

Tamén se subliñou a necesidade de incluír novos indicadores nas métricas do sector, como a rendibilidade e a reputación de marca en internet, ademais dos tradicionais volumes de ingresos.

Ao café-coloquio tamén asistiron profesores do CSHG e alumnos de último curso do Grao en Dirección Hostaleira, que participaron activamente neste espazo de debate e aprendizaxe.

O evento reafirmou o compromiso do centro coa formación de excelencia e o seu papel como referente na análise e desenvolvemento de estratexias crave para a industria hostaleira.

Arriba