Xosé Merelles enxalza o valor intanxible que suma Galicia Calidade aos atributos positivos do territorio
O director de Turismo de Galicia, destacou o valor intanxible que achega Galicia Calidade para reforzar os valores do turismo galego afianzado sobre altos estándares de calidade. “A marca reforza os atributos positivos do territorio”, subliñou Xosé Manuel Merelles durante a visita á adega Rectoral do Umia que recibiu a certificación que acredita a posesión do selo de garantía.
Durante o percorrido polas instalacións da adega pontevedresa que ocupan unha superficie de máis de 6.000 m2, o director de Turismo de Galicia estivo acompañado pola xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez. A partir de agora, o selo de garantía certifica a calidade dos seus viños albariños, que poderán levar o distintivo Galicia Calidade nas súas etiquetas e permitirá á empresa engadir a marca nas diferentes accións para a súa promoción comercial.
Durante o encontro, Xosé Manuel Merelles destacou o valor de Galicia Calidade na estratexia de internacionalización e promoción exterior do destino. Ademais, referíndose á adega certificada, salientou a excelente calidade dos seus viños, elaborados a través da combinación da tradición e da vangarda tecnolóxica. Isto garante a súa excelencia e mantén viva a tradición vinícola galega que, fusionada coa investigación, permite ofrecer aos consumidores e visitantes viños de calidade e perfil propio, apuntou.
A adega, fundada en 2009 e con capacidade para 3,6 millóns de litros, segue a tradición desenvolvida durante máis de 60 anos polo Grupo Bodegas Gallegas ao que pertence. Trátase do grupo empresarial galego no que se integra a adega Rectoral de Amandi, que conta tamén con viños amparados polo selo de garantía Galicia Calidade.
Pola súa banda, Ana Méndez agradeceu aos responsables da adega a súa nova aposta por Galicia Calidade e o compromiso coa tradición e calidade do viño albariño, con uvas procedentes de 130 Ha de viñedos dos vales do Salnés e Ulla e a colaboración de máis de 200 viticultores da zona.
Sobre Galicia Calidade
Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con máis de 170 empresas adheridas, con máis de 800 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.