Xosé Merelles enxalza a Festa da Palilleira de Camariñas como un atractivo que define o destino Galicia como auténtico e sostible
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou a Festa da Palilleira de Camariñas que reúne na vila mariñeira a centos de artesás do encaixe de Galicia, Asturias e a provincia de Soria. Durante a súa intervención, Xosé Merelles, eloxiou a celebración desta cita ao redor dunha tradición centenaria xerme da actividade económica do Concello. “Tradicións coma a da palleira que se homenaxean con festas coma esta axúdannos a definir un turismo auténtico e sostible, eixes da Estratexia de Turismo de Galicia 2030”, asegurou.
O director de Turismo de Galicia tamén se referiu ao factor desestacionalizador deste tipo de eventos que teñen un forte impacto no turismo da zona, atraendo visitantes fóra de tempada. Neste sentido, referiuse ao bo comportamento da actividade turística na Costa da Morte de xaneiro a outubro deste ano que, con 161.461 viaxeiros e 324.721 noites, supoñen un incremento do 4,9% e 1,3% con respecto ao mesmo período de 2023, respectivamente.
Xosé Merelles salientou ademais o atractivo que está a espertar a Costa da Morte no mercado internacional que se traduce nun incremento do 16,4% de viaxeiros este ano e un 16,1% de noites, que superan por primeira vez as 90.000 no segmento hoteleiro da zona. Isto tamén supón un incremento da rendibilidade deste establecementos do 8%.
A Festa da Palilleira é un evento que vén a continuar coa filosofía da Mostra do Encaixe que tamén se celebra cada primavera en Camariñas desde hai xa 33 anos. Nela danse cita as últimas novidades da arte do encaixe xunto cun desfile que cada ano gaña en prestixio polos deseñadores participantes e pola calidade das súas creacións.