O programa ‘Outono Gastronómico’ esperta o interese de 1,4 millóns de seguidores de ‘Embaixadores de Galicia’ e influencers en redes sociais
O programa de Turismo de Galicia ‘Outono Gastronómico’ espertou este ano un importante interese nas redes sociais grazas á iniciativa ‘Embaixadores de Galicia’ e a outra acción con influencers desenvoltas por primeira vez no marco deste produto turístico. A campaña deixa unhas cifras de 1.478.746 seguidores e 3.107.292 visualizacións, das que 10.043 foron destacadas cun ‘gústame’ e 1.114 provocaron algún comentario. Trátase dunha interactividade e promoción que coincide coa acollida desta iniciativa que cada ano fomenta o turismo rural fóra de tempada.
Concretamente, este ano, dentro das novas estratexias de promoción da campaña 18º ‘Outono Gastronómico’, Turismo de Galicia realizou unha convocatoria nas súas redes sociais, a través da cal fixo unha invitación pública para buscar colaboradores interesados en promocionar Galicia, o seu turismo rural e en concreto a campaña do ‘Outono Gastronómico 2024’.
Esta acción denominouse ‘Embaixadores de Galicia’ e consistiu en crear un vídeo dinámico para as redes no que se invitou aos seguidores de Turismo de Galicia a participar como colaboradores, apelando ao seu orgullo de ser galegos ou amantes da de Galicia, e ao seu desexo por amosala e compartila. Estes embaixadores puideron gozar como premio dunha fin de semana en turismo rural, que tamén formou parte dos seus contidos. En total foron 10 embaixadores, que sumaban 453.413 seguidores e cuxos contidos tiveron 91.733 visualizacións, con 1.654 ‘gústame’.
Outra estratexia novidosa
Previamente a esta campaña de embaixadores, outra estratexia novidosa desta edición foi a participación dun macroinfluencer, 15 microinfluencers e dous xornalistas especializados que tamén contribuíron á divulgación desta proposta turística. Neste caso, o número de seguidores foi de 1.025.333 e os seus contidos tiveron 3.015.559 visualizacións, con 8.369 ‘gústame’ e 975 comentarios.
O ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural 2024’ séguese a desenvolver ata o próximo 15 de decembro, nas 77 casas rurais nas catro provincias que ofrecen paquetes gastronómicos especiais, de estadías e actividades paralelas como paseos a cabalo, descenso en canoa ou sendeirismo, entre outras.