A xestión galega do Camiño de Santiago, referente nun congreso internacional no marco do proxecto transfronteirizo Poctep ‘Clustertur’
Turismo de Galicia participou no congreso internacional transfronteirizo ‘O Camiño que nos une’ que se celebrou na localidade lusa de Barcelos, no marco do programa POCTEP ClusterTur, para a creación do primeiro Clúster Transfronteirizo de Turismo Galicia-Norte de Portugal. Xunto a Turismo de Galicia, son beneficiarios deste proxecto a AECT-Galicia Norte de Portugal e Turismo do Porto e Norte de Portugal.
O modelo de xestión que está a facer a Xunta de Galicia ao redor do Camiño de Santiago, que está a chamar a atención doutros espazos culturais en Europa e outros continentes, é un dos aspectos abordados neste Congreso. Corea, Arxentina, Xapón, Andalucía, Ucrania, México e Jordania son algunhas rexións ou países que solicitaron asesoramento e transmisión de coñecemento na xestión dos seus itinerarios culturais e ou relixiosos.
Nesta xestión ten un papel importante a planificación que Turismo de Galicia está a desenvolver -que supón un investimento de 140M€- con vistas ao próximo ano xacobeo 2027. Neste plan, a sustentabilidade ambiental, social e económica do Camiño son eixos pero tamén o mantemento e protección dos roteiros, e por suposto, a promoción internacional, a investigación das peregrinacións e a xestión da maior rede pública de peregrinos de todas as rexións europeas.
A participación de Turismo de Galicia nesta cita no país luso enmárcase no proxecto europeo ClusterTur, que suporá a creación dunha estrutura de traballo en rede na que as empresas da Eurorrexión poidan coñecerse e xerar accións de comercialización conxuntas en diferentes mercados nacionais e internacionais. Neste marco, o traballo de Turismo de Galicia centrarase na coordinación e posta en marcha de accións de coñecemento empresarial e implementación dunha estratexia conxunta de internacionalización, que permita seguir incrementando o interese do mercado internacional polo destino Galicia, cifrado na actualidade no 30% da demanda turística.
Ademais, neste proxecto transfronteirizo o Camiño de Santiago terá un papel fundamental ao actuar como vertebrador de dúas rexións europeas de gran dinamismo como son Galicia e o Norte de Portugal, reforzando ao mesmo tempo esta eurorrexión para que poida afrontar os retos da actividade turística do futuro e tamén o vindeiro Xacobeo 2027.
Cabe salientar que Portugal é o principal mercado emisor para Galicia, tal e como confirman os datos. Así, en 2023, rexistráronse máis de 624.000 noites procedentes do país veciño, o que supón o 20% do total internacional. Ademais, o país luso é o 3º país estranxeiro do que proceden máis peregrinos e o Camiño Portugués e o Portugués da Costa son o segundo e o terceiro máis percorridos.
Tres proxectos transfronteirizos
ClusterTur é un dos tres proxectos do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal (POCTEP) no que participa este ano Turismo de Galicia para reforzar sinerxías con Portugal. Mobiliza preto de 700.000 euros, dos cales case 520.000 son a través de convocatorias de fondos europeos.
Ademais de participar neste POCTEP, tamén está presente no proxecto Visit Minho Plus e en Turislab, a aceleradora de empresas turísticas que este ano incorpora a socios lusos. Estase a avanzar na incorporación do proxecto Gerês-Xures máis sustentable.