12 dec 2024

Nove directivos de hoteis de cinco estrelas de Marriott buscan talento no Centro Superior de Hostalería de Galicia

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo un encontro con nove directivos de hoteis de cinco estrelas da marca estadounidense Marriot que se atopan estes días de visita no Centro Superior de Turismo de Galicia, interesados pola excelencia académica e o alto nivel de formación que se imparte no centro. Durante a reunión, Xosé Merelles salientou a traxectoria exitosa do CSHG que nutre de profesionalidade e competencia o sector profesional turístico de Galicia e España.

Os directivos de Marriot están a realizar un proceso de selección a través de entrevistas a máis de 100 alumnos para que realicen prácticas de verán nos seus hoteis. Ademais, participarán nun coloquio que terá lugar este vernes no marco dos actos conmemorativos do 30 aniversario do CSHG.

Trátase da segunda visita que realizan responsables desta marca ao centro galego co obxectivo de incorporar talento formado en Galicia á compañía e que complementa a doutros grupos hoteleiros e de restauración que se están a interesar polas distintas promocións de alumnos do centro.

Os centros de prácticas

Segundo o plan de estudos do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras impartido no CSHG, os alumnos fan períodos de tres meses de prácticas nos tres primeiros anos e cinco meses no último curso.

Entre outras opcións, son entrevistados por algunhas das compañías hostaleiras punteiras a nivel internacional. Este ano xa estiveron empresas como Meliá Hotels International, Barceló Hotel Group, Iberostar, Elba Hotels & Resorts, Palladium Hotel Group ou Port Hotels.

Marriot conta con 6.500 hoteis en 120 países e os directivos que visitan o CSHG traballan en nove hoteis de cinco estrelas de seis das 30 marcas que conviven na firma. En concreto, son o Le Meridien RA Beach hotel & Spa, de Tarragona, o Hotel Arts de Barcelona;  o Four Points by Sheraton Barcelona Diagonal; o Sheraton Mallorca Araballa Golf Hotel; o W Eivissa; o St. Regis Mardavall Mallorca Resort; Le Meridien Barcelona; o Cotton House Hotel Autograph Collection (Barcelona) e o Labtwentytwo Barcelona.

Arriba