13 dec 2024

Galicia pecha a coordinación da España Verde cun reforzo da promoción e proxección da marca turística

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na terceira reunión do Comité de Seguimento da España Verde que se celebrou no Hotel NH Collection A Coruña Finisterre, na que estiveron presentes responsables do eido turístico das Comunidades do País Vasco, Cantabria e Principado de Asturias, que xunto con Galicia integran esta marca turística. Esta foi a última reunión baixo a coordinación do destino por parte da Comunidade galega que cederá a testemuña oficialmente a Cantabria nun acto que terá lugar en Fitur 2025.

Trala reunión, Xosé Merelles valorou o traballo que se fixo este ano desde a comunidade galega durante todo este ano e que se traduciu nun reforzo cualitativo da marca e unha maior proxección internacional.

Concretamente, o destino turístico España Verde buscaba promocionar esta proposta do norte peninsular no mercado luso co obxectivo se seguir sumando visitantes de orixe internacional a este destino. Segundo os últimos rexistros, en 2023 superouse en 4 millóns de visitantes os de 2019 -prepandemia- procedentes sobre todo de Europa, Reino Unido e Estados Unidos.

Neste sentido, e a falta de datos definitivos de visitantes neste 2024, o director de Turismo de Galicia amosou o seu desexo de que este destino consolide o ritmo de crecemento que estivo o pasado ano no 17%.

Campañas promocionais

Así, ao longo deste 2024 desenvolvéronse campañas en medios e portais online e redes sociais, reforzouse a colaboración coas distintas Oficinas Españolas de Turismo, realizáronse distintos famtrips con contidos live streaming e varias viaxes de prensa especializada e tamén se desenvolveu un acto promocional en Oporto.

Neste conxunto de actuacións, durante este período de coordinación de Galicia, procedeuse ao lanzamento da nova web ingreenspain.es acadando unha mellora de impresións ao pasar de 438 a 72.000 en seis meses. Ademais, España Verde tivo máis presenza en redes sociais rozando os 20.000 seguidores en Facebook e duplicando a cifra dos de Instagram con 10.600 seguidores.

Por outro lado, durante os meses de xuño e outubro realizáronse catro famtrips dirixidos aos mercados UK, Alemaña, Italia, Francia e EEUU. Este formato innovador permitiu conectar en directo con guías locais nas catro Comunidades da España Verde amosando o destino en directo.

 

Arriba