O concerto de Arde Bogotá en xullo de 2025 súmase á oferta do ‘Coruña Sounds’ co apoio da Xunta
A Xunta de Galicia apoia de novo o Coruña Sounds na edición 2025 co concerto, o 19 de xullo, no Porto da Coruña da banda Arde Bogotá. Trátase dunha cita que conta co respaldo de Turismo de Galicia na súa estratexia de apoio a grandes eventos musicais como reforzo da oferta turística urbana da cidade.
Coruña Sounds repite a fórmula de música en directo con grandes nomes e bandas tras o éxito acadado nas dúas edicións anteriores. Arde Bogotá presentará na Coruña un dos seus concertos exclusivos en España, cun concepto de show a partir dun road trip e unha viaxe persoal que ten lugar durante o inicio e o final dunha eclipse.
As entradas para este concerto xa se poden adquirir desde este venres en www.exoplaneta.es e www.brigthenoise.events.
Con este espectáculo dáse continuidade ao ciclo de concertos Coruña Sounds que levou á cidade nos últimos meses, co apoio de Turismo de Galicia, a artistas como Emilia, Camilo, Robe e Luis Miguel. Tamén co respaldo da Xunta se van celebrar en 2025, outros concertos na cidade como o de Lenny Kravitz o 10 de abril; Chayanne o 18 de maio e Leiva o 12 de xullo.
Ademais no último ano tamén actuaron na cidade herculina Raphael en novembro e Rod Stewart e Sara Baras en decembro, entre outros.