24 xan 2025

A Xunta potencia coa marca ‘Concertos do Xacobeo’ o destino de Galicia como sede de grandes eventos musicais e de ocio

A Xunta de Galicia presentou a súa programación de concertos e grandes festivais que terán lugar este 2025 nas principais cidades galegas como reforzo da oferta de turismo urbano da Comunidade. Así o puxo de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, na presentación de ‘Concertos do Xacobeo’, a marca coa que pretende unificar a programación de música, espectáculos e ocio co obxectivo de convertela en atractivo turístico.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles referiuse a citas que son xa habituais nas axendas dos afeccionados da música en directo como os festivais O Son do Camiño, o Morriña Festival, o Resurrection ou o A Coruña Sounds.

A aposta por este tipo de eventos musicais xunto con outras accións como concertos de grandes artistas, fai que Galicia poida contar este 2025 con solistas, bandas e grupos internacionais da talla de Kings of Leon, Bryan Adams, Duki, que actuarán en Santiago de Compostela no festival O Son do Camiño.

Franz Ferdinand, Lenny Kravitz, Alanis Morrissette, Lionel Richie, Chayanne, Leyva, David Guetta e Anastacia forman parte da programación do Gozo Festival en A Coruña e Vigo.

Neste sentido, Xosé Merelles salientou a promoción de Galicia que se fai a través destes grandes concertos e festivais que se traduciu na visita en 2023 de máis de 1,6 millóns de turistas que acudiron atraídos por estas citas.

Arriba