Arias anima en Fitur a “descubrir a auténtica Galicia verde” no Xeodestino Comarca de Lugo – Terras da Ulloa
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou en Fitur no acto promocional do Xeodestino Comarca de Lugo – Terras da Ulloa, “un territorio de visita obrigada para aqueles que queiran descubrir a auténtica Galicia verde”, afirmou. O Xeodestino presentou no expositor de Galicia o vídeo Ulloíña, que mostra os principais atractivos dos concellos que o conforman da man do actor Sergio Pazos.
Arias destacou as posibilidades destas comarcas do interior da provincia lucense “como referente do verdadeiro turismo slow de conexión coa natureza”. Subliñou ”a riqueza ecolóxica” da contorna, incluída na Reserva da Biosfera Terras do Miño, ao que se suman outros alicientes “como o extenso patrimonio histórico e arquitectónico que atesoura” e “unha coidada gastronomía que se nutre de produtos locais”.
“Toda esta aposta turística conta coa colaboración da Xunta”, apuntou Arias, a través de diferentes instrumentos como o convenio de colaboración anual coa Axencia de Turismo de Galicia, que o ano pasado achegou 25.000 euros a este Xeodestino para levar a cabo accións promocionais como a organización de rutas, a elaboración dunha guía e a presenza en feiras sectoriais como Fitur.
O espazo que abrangue o Xeodestino Comarca de Lugo- Terras da Ulloa está formado polos concellos de Antas de Ulla, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo e Rábade.