A gastronomía, a música e a artesanía centran a proposta de Galicia en Fitur esta fin de semana
O expositor de Galicia continúa a fin de semana cunha intensa actividade dirixida ao público en xeral en Fitur 2025. Así, ao longo do sábado e do domingo sucederanse obradoiros de artesanía a cargo de Cristina Velasco; actuacións musicais de Sheila Patricia, a Escola de Gaitas de Ortigueira e DJ Caste, e outras actividades de carácter gastronómico.
Galicia culmina así unha axenda de promoción do destino nesta feira tras tres xornadas con presentacións dirixidas ao sector turístico, que valoraron especialmente a oferta paisaxística, a natureza a gastronomía e a cultura como valores que afianzan un modelo de turismo sostible e auténtico.
Así, durante o día de hoxe, na zona gastronómica do espazo terán lugar distintos showcookings con produtos galegos. Así, o sábado elaborarase un brunch galego baixo o título de Almorzos Devagar. A continuación haberá unha degustación de empanada galega con viños da DO Valdeorras e de sobremesas con acento galego. A xornada neste espazo rematará cunha sesión de vermú galego acompañado de petiscos elaborados con conservas de mar de Galicia Calidade.
Os visitantes que se acheguen este sábado ao expositor de Galicia en Fitur 2025 tamén poderán asistir ás actuacións da intérprete Sheila Patricia e da Escola de Gaitas de Ortigueira. Para o domingo, no que se refire á parte gastronómica haberá un showcooking de carnes que levan o selo Galicia Calidade maridadas con viños das DO Ribeira Sacra e DO Monterrei. Porá fin a esta programación, a degustación de larpeiradas Galicia Calidade. Tamén se poderá volver a gozar da mesma proposta musical do sábado, complementada con DJ Caste.
Obradoiro en vivo da artesá Cristina Velasco
A artesanía galega estará representada polo obradoiro en vivo a cargo da artesá de origami Cristina Velasco, que leva traballando nesta disciplina desde 2012 e ao fronte do estudo que comparte con súa irmá, Anaquiños de Papel, desde 2014. O seu traballo é moi valorado nos eidos da decoración, a moda e o mundo editorial. En Fitur, desenvolverá unha serie de pezas elaboradas en papel inspiradas na natureza.
A proposta galega da fin de semana complétase coa información promocional do destino a disposición do visitante ao longo dos diferentes mostradores, nos que os profesionais facilitarán información especializada e personalizada de acordo coas distintas demandas dos turistas.