26 xan 2025

A proposta turística de Galicia recibe unha excelente acollida entre o público de Fitur 2025 que busca experiencias personalizadas en torno ao turismo interior, o enoturismo e o Camiño

A proposta turística ‘Galicia acolledora’ recibiu unha excelente valoración entre o público xeral que asistiu esta fin de semana a Fitur 2025 nas dúas xornadas de portas abertas. En concreto, o turismo de interior, especialmente a Ribeira Sacra coa súa candidatura a declaración de Patrimonio da Humanidade pola Unesco,  foi unha das propostas que espertou maior interese seguida doutras nas que o público valorou especialmente a paisaxe como a Costa da Morte ou a Mariña Luguesa, seguida de opcións coma o termalismo.

O Camiño de Santiago tamén recibiu numerosas consultas por parte do público que preguntaba polas distintas rutas e por cuestións de loxística e organización. O xeodestino de Ferrol foi outro dos destinos con maior número de consultas xunto coa provincia de Pontevedra, cuxo interior tamén esperou moita curiosidade.

Os visitantes do expositor de Galicia en Fitur 2025 tamén se interesaron pola proposta enoturística da Comunidade, sobre todo no referido ás distintas rutas do viño, a súa tradición e cultura. Finalmente, o perfil de turista que máis consultas realizou foi de carácter senior e familiar, entre outros.

Galicia participou nesta edición con 50 presentacións de destino que tamén foron moi valoradas polo sector profesional. Desde mércores ata o pasado venres, entidades e administracións deron a coñecer distintos produtos turísticos que atenden as demandas actuais dos visitantes. A paisaxe, a gastronomía, o Camiño de Santiago, a cultura e outros atractivos foron o eixe destas presentacións.

Fitur 2025 pecha este domingo unha edición con cifras récord en canto a visitantes. Concretamente, 155.000 profesionais coñeceron  de mércores a venres as principais novidades turísticas. En canto a  público xeral, a organización espera pechar este domingo cunha cifra que rolda as 100.000 persoas.

Arriba