01 feb 2025

200 estudantes de Bacharelato coñecerán o modelo formativo do CSHG dentro dos encontros da USC co ensino medio

Os Encontros da USC co Ensino Medio traerá a preto de 200 estudantes de 2º de Bacharelato ao Centro Superior de Hostalaría de Galicia para que coñezan a súa oferta formativa. Do 4 ao 7 de febreiro realizarase unha serie de visitas polas instalacións do centro, co obxectivo de dar a coñecer entre o alumnado os estudos aos que poden acceder no CSHG e que valoren así o seu seguinte paso académico.

??? imaxes[2]/titulo ???

As visitas forman parte do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’, unha iniciativa coa que a Universidade de Santiago de Compostela busca facilitar o coñecemento de primeira man das súas titulacións e servizos. Para isto, propón unha serie de visitas de estudantes de centros de ensino secundario de Galicia a distintas institucións, como o CSGH, que este curso celebra o seu 30 aniversario.

Para isto, durante os días 4, 5, 6 e 7 de febreiro organizaranse distintas quendas de visitas de estudantado pertencente a 2º de bacharelato de institutos e colexios de toda Galicia.

Cada día, os distintos grupos serán recollidos ás 10.30 horas na Residencia do Monte da Condesa para trasladalos ata o CSHG. Aquí realizarase unha visita dunha hora de duración, durante a cal terán a posibilidade de percorrer as instalacións do Centro, como o edificio de Teoría, o de Catas, os restaurantes e a residencia. Para finalizar, farase un encontro de media hora a modo de Coffee Break entre as persoas participantes, tras do que se levará novamente aos grupos ata o punto de encontro.

Os alumnos e as alumnas poderán así familiarizarse cos distintos espazos e coas formacións que se ofrecen neles, ademais de resolver as súas posibles dúbidas sobre as distintas propostas de estudos do centro.

En concreto, o día 4 espérase a chegada de 26 alumnos, que farán un único itinerario. O día 5 serán 63 candidatos e candidatas as que percorrerán o centro, para o cal se dividirán en tres rutas distintas. O día 6, o de maior afluencia, virán 71 aspirantes, que novamente se repartirán en tres itinerarios. As xornadas pecharanse o día 7 coa visita de 37 persoas interesadas, que farán dúas rutas distintas polas distintas instalacións.

O programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela que leva en marcha desde o curso 2003-2004. Inclúe unha  serie de actividades, como visitas, charlas e encontros, a través das que o estudantado pode coñecer e resolver as súas dúbidas sobre os distintos estudos que se ofrecen na USC. O CSHG, como centro adscrito á  USC,  participa cada ano durante varias xornadas, como unha das opcións de grao que oferta a USC.

30 aniversario do CSHG

O Centro Superior de Hostalaría de Galicia atópase inmerso na celebración do seu 30 aniversario, ao que chega como institución líder en Galicia en formación orientada ao sector hostaleiro e turístico. O proxecto responde á necesidade de contar con profesionais que se encarguen da xestión e dirección das empresas do sector turístico en Galicia, para o que desde a Xunta de Galicia se apostou por promover a súa formación.

Actualmente, o centro ofrece os graos de Dirección Hostaleira e de Gastronomía e o curso de Chef, que habilitan ao estudantado para desempeñar distintas profesións dentro da industria turística.

Arriba