10 feb 2025

Xosé Merelles reúnese co presidente da Ruta do Viño e da D.O. de Valdeorras para analizar a aposta da Xunta polo enoturismo na comarca

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo un encontro co novo presidente da Ruta do Viño e da Denominación de Orixe (D.O.) de Valdeorras, Marcos Prada. Durante a xuntanza, aproveitaron para facer un repaso da aposta da Xunta de Galicia polo enoturismo na comarca e tamén polos distintos programas de promoción nos que o Goberno galego vén colaborando desde hai anos.

Neste sentido, Xosé Merelles salientou que está en marcha na zona un plan de sostibilidade turística en destino por importe de 1,5M€ con actuacións específicas en materia de dixitalización e impulso desta ruta do viño. Ademais, o director de Turismo de Galicia salientou que disintas adegas incluídas nesta entidade recibiron axudas da Xunta na convocatoria de proxectos turísticos de enogastonomía por importe de case 400.000 euros.

O director de Turismo de Galicia salientou ademais a importancia do enoturismo na estratexia do seu departamento ata 2030 que se ratifica en produtos turísticos coma a ‘Primavera de Portas Abertas’ que cada ano está a incrementar o número de participantes precisamente ao redor da disintas rutas do viño. A de Valdeorras é unha das que tradicionalmente teñen participado.

Ademais, Xosé Merelles salientou a colaboración do Goberno galego na organización cada ano da BTT Ruta do Viño, unha proba deportiva que discorre polos concellos que forman parte desta entidade e que ten coma finalidade fomentar o enoturismo como ferramenta impulsora do sector turístico a partir dunha marcha en bicicleta pola montaña que permite ao seu tempo coñecer outros valores turísticos coma a paisaxe, a natureza e a cultura da comarca de Valdeorras.

Ademais, repasaron outros eventos relacionados con este atractivo turístico como a celebración da Feira do Viño, a das Covas de Vilamartín de Valdeorras e tamén de Seadur (Larouco).

Arriba