13 feb 2025

Xosé Merelles destaca o bo ritmo das obras do Castelo de Monterrei nas que a Xunta inviste 14 M€

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou no Parlamento de Galicia o bo ritmo das obras que se están a acometer no Castelo de Monterrei, nas que a Xunta está a investir 14M€, e que permitirá cumprir os prazos de execución, co remate das obras en 2026. “A actuación no Castelo de Monterrei converterá este concello ourensán nun gran polo de atracción do ámbito turístico e cultural”, afirmou Xosé Merelles.

A actuación englóbase no conxunto de iniciativas que se están a executar para a posta en valor dos BICs de Galicia e que son exemplos dunha boa xestión, planificación e execución destes fondos por parte da Xunta, incidindo ademais en compromisos do Goberno coa sostibilidade, a posta en valor do patrimonio natural e cultural, a calidade, a diversificación, e a desestacionalización do destino.

A rehabilitación do Castelo de Monterrei, enmárcase dentro do Plan Nacional turístico Xacobeo Next Generation, no que a Xunta xestiona 22,7M€ para rehabilitar 12 Bens de Interese Turístico (BICs) de titularidade pública. Concretamente, a Fortaleza de Monterrei, na que se levará a cabo unha restauración estrutural e paisaxística do BIC supón o 35% dos fondos europeos captados.

Referíndose á actuación no BIC de Monterrei, Xosé Merelles subliñou que se está a realizar unha restauración estrutural e paisaxística e supón unha intervención en máis de 20.000 metros cadrados, concretamente en espazos coma a casa cuartel, o antigo Concello de Monterrei, a Torre de San Francisco e Corpos de Garda e o centro de visitantes e tamén nos accesos da Porta Sur e Norte e Ronda Oeste e nos terreos da Praza do Mercado, entre outros. A actuación ten como obxectivo o goce por parte de toda a cidadanía con miradoiros, sendeiros e incremento da capacidade aloxativa.

Ademais, o director de Turismo de Galicia salientou que esta actuación forma parte do proxecto sustentable de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico de uso turístico. Concretamente, no espazo que vai da porta sur onde se encontra o antigo Hospital de Peregrinos, ata a torre da homenaxe, o edificio do cuartel xeral, preténdese dotar ao complexo de aloxamento, actividades recreativas e espazos interpretativos.

Arriba